domingo, 21 de outubro de 2018

ACENTUACIÓN DAS PALABRAS

A acentuación das palabras


O acento é a forza coa que destacamos algunha das partes que compoñen as palabras cando falamos.Para marcar na escrita o lugar onde poñemos o acento usamos o til.

Sílabas tónicas e átonas

Como xa sabes, cando falamos pronunciamos varios fonemas unidos en sílabas que, á súa vez, son as que forman as palabras. Hai palabras que están constituídas por unha única sílaba, que son as palabras monosílabas, e outras que están formadas por varias, palabras polisílabas.
Cando dicimos as palabras non pronunciamos  todas as sílabas que as compoñen coa mesma forza. En cada unha sempre hai unha sílaba que se pronuncia con máis intensidade ca as demais: é a sílaba tónica; as outras reciben o nome de sílabas átonas. Compróbao nas seguintes palabras:

melme-docou-sapar-tiua-re-acan-ciónpa-rau-gasé-xi-to
As palabras monosílabas, pese a estaren constituídas por unha soa sílaba, non sempre son tónicas, pois hai algunhas que teñen suficiente forza para seren independentes, pero outras son moi febles e por iso se pronuncian no mesmo grupo que as palabras que van canda elas e ás veces ata se escriben pegadas a elas. Fíxate: o pronome persoal “nós” é tónico mais o pronome persoal “nos” é átono: A nós non nos dixo nada (fíxate que realmente pronunciamos [nonnos]).
A sílaba tónica pode ser calquera das que compoñen a palabra. Dependendo de cal sexa, facemos a seguinte clasificación:  
  • Agudas: A sílaba tónica da palabra é a última: xamón, azul, mañá, levei...
  • Graves: A sílaba tónica é a penúltima: auga, paxaro, moa, réptil, atmosfera...
  • Esdrúxulas: A sílaba tónica é a antepenúltima: dica, cárcere, goa, árbore...


Regras de acentuación gráfica

O til é unha marca gráfica que poñemos (ou non)  enriba das vogais para indicar cal é a sílaba que se pronuncia con máis forza dentro de cada palabra. É unha guía que nos permite ler as palabras correctamente.
Non sempre marcamos as sílabas tónicas co til; o seu emprego faise de acordo coas seguintes regras:
  • Os monosílabos, por regra, nunca levan til: el, sol, pel, mais, rei, tren...
  • As palabras agudas levan til só cando rematan en vogal-n-s-nsirmán, mazás, cancións... Pero non se acentúan cando na última sílaba hai un ditongo decrecente nin homoxéneo (levei, ademais, partiu, papeis...).
  • As palabras graves levan til só cando rematan en consoante que non sexa –n nin –s, ou cando na última sílaba haxa un ditongo decrecenteamábeis, hóckey, inútil, móbil, cáliz, ámbar...
  • As palabras esdrúxulas sempre levan til: véspera, lámpada, nádega, éxito...
O feito de levar til unha palabra é independente de que a palabra estea escrita en maiúscula ou en minúscula, o til ten que mantelo sempre, incluso nunha abreviatura (páx., XOSÉ...).


Acentuación gráfica nos encontros vocálicos

A estes casos que acabamos de ver hai que sumar o uso do til para marcar a presenza dun hiato naqueles casos en que podería haber dúbidas. Vexámolo en detalle:
Cando nunha mesma palabra hai dúas vogais seguidas pode darse o caso de que as dúas se pronuncien nun só golpe de voz ou en dous, no primeiro caso dicimos que hai un ditongo, no segundo un hiato. Fíxate:
  • Ditongos: lei - te ,  moi - to , cau - sa , xu - deu , par - tiu ,  pui - den
  • Hiatos: a - re - a,      rí - a,     ru - í- do,    a - ín - da
 Os DITONGOS prodúcense nos seguintes casos:
  • Cando hai  unha vogal aberta (a, e, o) e unha vogal pechada (i, u) e a pechada é átona (non recae nela o golpe de voz): leite, moito, auto, reinado.
  • Cando hai dúas vogais pechadas (i, u) e o golpe de voz non cae na segunda (conduciu, miudiño…)
Os ditongos só levan til cando lles corresponde da acordo coas regras xerais de acentuación.
Camión leva til porque é aguda rematada en - n, independentemente de que forme parte ou non dun ditongo e da mesma maneira “noite” non leva porque é grave rematada en vogal.
Dependendo da combinación das vogais falamos de tres tipos de ditongos:
  • Ditongos crecentes: formados por unha vogal pechada (i, u) e logo unha vogal aberta (a, e, o) Exemplos: riada, ambiente, miope, luar, cruel, duodeno…
  • Ditongos decrecentes: formados por unha vogal aberta (a, e, o) e logo unha pechada (i, u).  Exemplos: nai, teito, oitenta, causa, eu, levou…
  • Ditongos homoxéneos: formados por dúas vogais pechadas (i, u). Exemplos:  pediu, Tui...
 Os HIATOS prodúcense nos seguintes casos:
  • Cando van xuntas  dúas vogais abertas: area, heroe, correo, avoa, poema…
  • Cando  vai unha vogal aberta e outra pechada (ou unha pechada e unha aberta) e o golpe de voz cae na pechada: raíz, saúdo, raíña, fío, actúo, recúe...
  • Cando van xuntas dúas vogais pechadas e a segunda é tónica: muíño, miúdo, xuízo, construír, fiúncho...
Polo tanto, ponse til cando o hiato está formado por vogal aberta e pechada (ou viceversa) e o golpe de voz cae na pechada (ría) ou cando está formado por dúas pechadas e o golpe cae na segunda (Luís).
Ponse til para marcar os hiatos naqueles casos en que, se non se marcase, non se sabería cal das dúas vogais é a tónica. Isto permítenos diferenciar, por exemplo, pares de palabras como saia e saía.

Cando o encotro de vogais é triplo só se  pronuncian na mesma sílaba se a vogal aberta está colocada entre dúas pechadas. Nestes casos temos un TRITONGO (por exemplo: vieiro, actuou… Realmente na nosa lingua temos moi poucos tritongos e na fala hai tendencia a desfacelos e pronunciar coma se fosen dúas sílabas separadas [vi- ei- ro].
Como o golpe de voz cae na vogal aberta, os tritongos non levan til (salvo que lles corresponda polas regras xerais de acentuación).
Lembrade que os “u” e “i” que acompañan a “q” ou “g” (queixo, guerra) forman parte dos dígrafos e non se pronuncian e, polo tanto, non os consideramos como encontros vocálicos. De pronunciárense escríbense con diérese enriba e, nese caso, ademais de pronunciarse seguen as regras de acentuación que xa vimos: argüír, bilingüe...
Outro caso onde empregamos a diérese é na primeira e segundas persoas do copretérito dos verbos rematados en –aer, -eor, aír, oír e uír (caïamos, moïamos, saïamos, oïamos, construïamos...) desta maneira indicamos que o “i” está en hiato e que ademais non forma ditongo con ningunha das dúas vogais que o rodean e así diferenciarmos estas formas das do presente de subxuntivo (ca-ï-a-mos / ca-ia-mos).

*Lembra que estas regras se aplican tamén aos estranxeirismos (béisbol, télex, hóchey, whisky...)


Material obtido de:
https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1411726747/contido/ort/ort_til_01.html?orix=ort&tema=ort_til_01.html 

Ningún comentario:

Publicar un comentario