mércores, 7 de outubro de 2015

O hábito da lectura en 21 dias

Estimadas familias,

Queremos propoñer unha actividade para que o alumnado adquira un hábito positivo, o hábito da lectura, que necesitan tanto. Consiste en introducir durante 21 días unha rutina diaria, facéndoa do mesmo xeito e á mesma hora cada día.
A clave de crear hábitos positivos consiste en pensar nos beneficios e en ser constante. Só así lograrán instalar un hábito sólido e duradeiro. Hai que ser disciplinado. Se o novo hábito está ligado a un valor importante, non lles custará realizalo.

Instrucións:
Colocar o calendario no lugar onde se realiza a lectura; riscar cada día que se lea. Ler un mínimo de 15 minutos. Pode ler un libro de lectura, libro do cole, revista, tebeo…

Se o neno sinte o placer da lectura, lerá moitos libros. Este feito traerá implícita a consecución dunha serie importante de obxectivos:
·         Espértase a imaxinación e fantasía do neno, ó introducilo en mundos fantásticos ou reais, case sempre descoñecidos.
·         Enriquécese o seu vocabulario, favorecendo a expresión e comprensión oral e a expresión escrita.
·         Intervén o factor visual e fixa a ortografía das palabras.
·         Mellora a elocución do neno, realizando lecturas expresivas, en voz alta.
·         Desenvolve a observación do neno, ó sentirse atraído polas ilustracións da lectura.
·         Aumenta o seu caudal de coñecementos ó relacionar as lecturas con outras áreas.
·         Comentado o leído favorécese a conversación e comprensión.
·         A través da lectura apréndese a estudiar.
·         Descubre a beleza da linguaxe lendo textos ben seleccionados: narracións, dramatizacións, recitacións.

Creo que todas estas razóns son suficientes para ver a importancia da lectura nos nenos e o porqué da importancia de animalos a ler. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario